TRANSPORTE ESCOLAR

publicado en: Novas | 0

A Xunta de Galicia vén de decidir suspender o prazo de presentación de ofertas na licitación das rutas de transporte escolar, que remataba o vindeiro 18 de xaneiro, para así analizar polo miúdo as diferentes alegacións recibidas de diversos colectivos implicados no proceso.

O obxectivo é ofrecer o mellor servizo nun contrato que estará en vigor nos dous próximos cursos, prorrogable por dous máis. Á vista das incidencias trasladadas, optouse por interromper o proceso. A decisión fíxose efectiva este mesmo luns, por resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, algo xa comunicado aos colectivos potencialmente interesados na licitación dentro da rolda de contactos mantida nos últimos días. Neste sentido, o conselleiro Román Rodríguez reuniuse hoxe no seu despacho coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, para informala persoalmente deste asunto. Na xuntanza tamén participou Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo.

Como indica a resolución, dado que os aspectos “postos de manifesto polos interesados poden ter transcendencia no desenvolvemento do proceso de adxudicación e na execución posterior do contrato, é preciso a súa avaliación e comprobación polos servizos técnicos da Consellería”, para o que é necesario paralizar os prazos.

Unha vez determinado o alcance destas rectificacións, procederase a reanudar ou prorrogar os prazos iniciais de presentación de ofertas ou, no seu caso, retrotraer o expediente ao momento da aprobación dos pregos para subsanar estes erros, do que se dará a oportuna publicidade a través da plataforma de contratación da Xunta.

O maior gasto en transporte de España
Cómpre lembrar que Galicia continúa sendo a Comunidade Autónoma coa maior rede de transporte escolar, concentrando o 21,6% do gasto de toda España neste eido. A Consellería de Educación licitou en decembro o transporte escolar nas rutas que lle corresponden, o 47% do total. Trátase dun proceso de gran complexidade técnica con 1574 rutas en 424 centros de ensino, divididas en 57 lotes, cun importe de máis de 81M€. A paralización do proceso non afecta á prestación do servizo neste curso.

A alcaldesa do Concello de Folgoso do Courel, Lola Castro, agradece que a Xunta atendera as reivindicacións trasladadas desde o Goberno local e a comunidade educativa, ás que se sumou toda a localidade. Lola Castro asegura que o modelo proposto inicialmente era prexudicial para os taxistas que fan o servizo e tamén para os escolares, que se ían ver afectados.

Precisa que o de hoxe é o primeiro paso e que o Concello de Folgoso do Courel se compromete a participar nas reunións de traballo que organice a Consellería neste novo período que se abre para que se atendan todas as alegacións presentadas e se poida manter o servizo tendo en conta as condicións especiais que presenta o municipio.