NOVA ÁREA RECREATIVA DE MOGOXE

publicado en: Novas | 0

A Xunta colabora no acondicionamento da área recreativa de Mogoxe de Folgoso do Courel para consolidar o atractivo turístico do Concello.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron hoxe coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, un convenio de colaboración a través do que o Goberno galego vai investir 300.000 euros na adecuación da área recreativa de Mogoxe.

As actuacións nesta zona emprazada á beira do río Lor permitirán dotar ao municipio dunha área de baño e lecer para consolidar o atractivo turístico do concello e ampliar e complementar nos meses de verán a oferta baseada na natureza e o patrimonio etnográfico.

Os traballos incluirán a adecuación da zona de parada para transporte público, a construción dunha rampla de acceso en madeira, así como a creación de dúas zonas de xogos cunha pista de volei-praia e un parque infantil, a colocación de mesas con bancos de lousa e a plantación de árbores. Deste xeito, a colaboración entre a Xunta e o concello posibilitará, tanto ás familias do municipio como aos turistas, desfrutar dunha área de interese turístico na que se fomenta ao mesmo tempo o respecto polo medio natural.