XXIV FILANDÓN DE MÚSICAS DO CAUREL

publicado en: Novas | 0

O XXIV Filandón de Músicas do Caurel, declarado de interese turístico e cultural, vaise celebrar na Ferrería de Seoane o día 8 de agosto.

A edición deste ano está dedicada á memoria de José Rodríguez Núñez, gaiteiro de Pacios de Trala Serra, falecido recentemente.

O Filandón de Músicas do Courel nace como un foro para a posta en valor do patrimonio lírico e musical conservado e transmitido polas vellas xeracións. Os cantares antigos, rondas da serra, músicos e poetas danse cita nunha xornada histórica.

O día 8 a partir das 18:30 horas celebrarase o filandón, presentado por Manola Porto e Brenda González e retransmitido por streaming pola canle XoseLoisFoxoLIVE. Haberá control de aforo para cumprir coas normas sanitarias en vigor.

Cantores, cantareiras, brindeiros, coplas de cego, gaiteiros, orquestras e a actuación especial de Carmen Pením, que presentará ‘Cantos de terra e sal’ completan un programa no que tamén se fará entrega da ‘Tésera de Hospitalidá’ a Alejandro Rubín.

A celebración completarase coa exposición de libros, discos, instrumentos populares e produtos do Courel.

Posiblemente o día 14 haberá unha malla ao mallo e á maquina en Noceda.

Ademais, o día 15 de agosto ás 15:30 horas inaugurarase o monumento á raíña do Filandón María Balboa Santín en Quintela d’Oencia.