EXPOSICIÓN DE MARTÍN DE PADROZELOS

publicado en: Novas | 0

A Exposición ‘De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos’, organizada pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (AEPECSA), no marco do programa ‘O teu Xacobeo’, en colaboración do Concello de Folgoso do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra, podese ver na Oficina Municipal de Turismo, en Folgoso.

A mostra pode visitarse ata o 17 de agosto no horario da Oficina Municipal de Turismo, de 10:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:30 horas de mércores a sábado e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.

Trátase dunha mostra, de carácter divulgativo e itinerante, que transmite e fai visible a importancia da lírica galega na Idade Media, coas dez cantigas de Martín de Padrozelos, un dos primeiros trobadores coñecidos da nosa lírica, vinculado aos concellos de Samos, O Courel e O Incio, aos que alude nas súas cantigas.

As dez cantigas, nove de amigo e unha de amor, foron musicadas polo grupo A Quenlla e gravadas nun CD, que axuda á revalorización deste autor medieval, coas súas orixes en Praducelo de Lóuzara, onde Samos limita co Courel e onde se conserva unha casa co seu nome. A vinculación de O Inicio, Samos e O Courel coas orixes da literatura galega resultan evidentes para investigadores como Dulce Fernández Graña e Xulio Pardo de Neyra, os dous primeiros en publicar os seus traballos sobre o autor medieval e as súas cantigas, que se conservan nos cancioneiros da Vaticana e da Biblioteca Nacional de Lisboa.

Cada unha das dez cantigas constitúe un panel da Exposición, que conta con dous máis, un dedicado á ficha técnica da mesma e outro que contén un mapa cos Concellos polos que pasa o recorrido itinerante da Exposición, onde adquiren principal relevancia os concellos do Courel, Samos e O Incio, as terras de Martín de Padrozelos.