LU-651 ENTRE FERRERÍA VELLA E SEOANE DO COUREL

publicado en: Novas | 0

A Xunta licitou hoxe as obras da 1ª fase de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, que suporán un investimento de 3,4 millóns de euros e se executarán co máximo respecto ambiental e minimizando afeccións.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a alcaldesa, Lola Castro, presentou hoxe esta actuación para o reforzo da seguridade viaria e para a mellora da mobilidade.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, á que as empresas interesadas teñen de prazo ata o 29 de decembro para presentar ofertas. A partir de aí, continuará a tramitación co obxectivo de iniciar as obras a finais da primavera.

Vázquez Mourelle adiantou que os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses, polo que os veciños do Courel contarán no verán de 2023 coa estrada LU-651 renovada e mellorada neste treito de 3,5 km, entre Ferrería Vella e Seoane.

Explicou que se trata dunha zona cun elevado valor ambiental, pois forma parte da Rede Natura, con bosques autóctonos cun atractivo paisaxístico sen igual. Neste sentido, destacou o deseño deste proxecto conxugando a mellora da funcionalidade e da seguridade da vía e os valores ambientais.

Tamén detallou que para tratar de minimizar as molestias aos veciños, o groso dos traballos se realizará no verán, cando xa non haxa colexio, para non incrementar os tempos de viaxe do autobús do CEIP Uxío Novoneyra.

Concretou que nesta 1ª fase se ensanchará a estrada para dotala de 2 carrís de 3 metros e beiravías de 50 cm. Tamén se executarán cunetas de seguridade transitables, de 90 cm de ancho, que mellorarán a seguridade.

Sinalou que o proxecto inclúe a rectificación de varias curvas, alí onde a orografía o permita, tendo en conta que a traza da estrada está marcada pola presenza do río Lor no fondo do val, con pendentes moi elevadas, do 10% e radios reducidos.

Ademais será preciso ampliar 2 pontóns existentes neste treito, que se fará a través de taboleiros de vigas e laxas voadas para minimizar a afección.

As obras recollen a mellora da drenaxe da propia plataforma e a drenaxe lonxitudinal e transversal; a construción de 2 muros de sostemento de terras; e a renovación dos sistemas de contención dos vehículos, ademais da mellora do firme da estrada en todo este treito de 3,5 km, xunto coa renovación da sinalización.

Tamén se habilitará un aparcadoiro para autobuses en Seoane, ao carón da parcela onde están actualmente os servizos de Protección Civil, co fin de facilitar a chegada de turistas e visitantes.

No lugar de Ferrería Vella renovarase a marquesiña existente á saída do núcleo e pavimentarase a travesía.