RESIDENCIA E CENTRO DE DÍA DA TERCEIRA IDADE

publicado en: Novas | 0

O Concello de Folgoso do Courel aprobou o 14 de xaneiro en Xunta de Goberno a licenza municipal para a construción da residencia e centro de día da terceira idade, que se fará no antigo colexio de Folgoso.

O informe xurídico da Secretaría precisa que a documentación que se achegou por parte da Deputación de Lugo “resulta suficiente para a tramitación e concesión da licenza municipal de obra, se ben o proxecto de execución referido deberá incluír, ademais da xustificación do cumprimento do condicionado da licenza, a xustificación do cumprimento do resto da normativa básica de aplicación non incluída no proxecto básico”.

O investimento previsto para este proxecto ascende a 1,4 millóns de euros, dos que a Deputación achega 1,2 millóns e o Concello os 200.000 euros restantes. A residencia terá capacidade para unhas 32 persoas e el centro de día, para vinte. A nova construción ocupará unha superficie de 780 metros cadrados.

Desde o Concello de Folgoso do Courel agardan que isto non supoña un novo retraso na construción do inmoble, que debera estar xa rematado en 2019, polo que a rexedora, Lola Castro, agradece a colaboración da Deputación á que tamén lle pide “axilidade” no comezo das obras. “Agardamos que se poñan a traballar para poder licitar as obras canto antes”, resume a alcaldesa.