AXUDAS PARA PLANTACIÓN DE FRONDOSAS E CONÍFERAS

publicado en: Novas | 0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para a creación de superficies forestais con frondosas e coníferas. Poderán beneficiarse destas subvencións as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común pero tamén asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, comunidades de bens ou montes de varas. Tamén as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal, que coa entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia poden solicitar o recoñecemento como agrupacións forestais de xestión conxunta, cos dereitos e vantaxes que implica esta figura. Tamén poden beneficiarse das achegas propietarios particulares de xeito individual.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (1 de Febreiro do 2022).

Toda a información na ORDE do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR670B).