XEOMIRADOIRO DO ALTO DO BOI E MINA DA TOCA

publicado en: Novas | 0

O Concello de Folgoso do Courel e a Axencia Turismo de Galicia fan melloras no xeomiradoiro do Alto do Boi e na Mina da Toca.

O Concello de Folgoso do Courel e a Axencia Turismo de Galicia veñen de executar un convenio de colaboración asinado entre ambas as administracións que supón importantes melloras no xeomiradoiro do Alto do Boi e na Mina da Toca. En concreto, ambas as intervencións supuxeron un investimento de 29.000 euros.

O xeomiradoiro do Alto do Boi atópase pasado o km 12 da LU-651 desde onde pode verse Vilar, Vilamor e parte do val do Río Lor. As actuacións levadas a cabo consistiron na instalación dun valado de madeira ao longo do camiño de acceso ao miradoiro. Tamén se creou unha zona de aparcamento e instalouse un panel interpretativo e un banco de madeira na zona do aparcadoiro. A intervención supón unhas vistas espectaculares do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel.

As actuacións na Mina da Toca, no monte do núcleo de Piñeira, consistiron na roza da matogueira existente nos accesos á mina. Fíxose a roza da matogueira, a recollida e apilado de residuos e a trituración e picado de restos nun sendeiro que enlaza o lugar de Piñeira coa Mina da Toca. Tamén se instalou equipamento de información e interpretación para facilitar o acceso á mina a través da colocación dunha mesa de interpretación. A maiores, e co propósito de evitar caídas aos visitantes, colocáronse 80 metros de talanqueira e 3 sinais preventivas.