► O Goberno local destinará o 20% do superávit do ano 2019 a gasto social para axudar ás familias máis necesitadas
► Convocará un pleno extraordinario co obxectivo de incorporar remanente para dirixilo aos autónomos a través dunha liña de axudas que lles permita investir para poder retomar a súa actividade
► Estuda incorporar crédito para unha bolsa de emprego que permita a contratación de persoas que perderan o seu traballo
Folgoso do Courel, 7 de maio de 2020.-O Goberno local do Concello de Folgoso do Courel anuncia que traballa na articulación de varias liñas de axuda dirixidas a emerxencia social, autónomos e traballadores que perderon o seu emprego como consecuencia dos efectos da COVID-19.
Unha das primeiras medidas será unha modificación de crédito coa fin de conceder axudas de emerxencia social ampliando a dotación das partidas destinadas a garantir ingresos suficientes ás familias para asegurar a cobertura das súas necesidades básicas, xa sexan estas de urxencia ou de inserción.
Para poder facelo destinarase a gasto social o 20% do superávit orzamentario de 2019, tal e como permite a Lei. O Concello de Folgoso do Courel publicará nas vindeiras semanas unhas bases para que as persoas poidan solicitar produtos de primeira necesidade.
Incorporar remanente
Ademais desta medida, o equipo de Goberno prepara a convocatoria dun Pleno extraordinario co obxectivo de poder incorporar remanente para axudar aos autónomos que deixaron de traballar por mor desta situación e para que poidan destinar as axudas a levar a cabo os investimentos que lles esixen á hora de retomar as súas actividades e reabrir os seus negocios.
O equipo de Goberno proporá tamén nese pleno extraordinario destinar o aforro dos Plenos e Xuntas de Goberno que non se fixeron estes meses, ao que engadirán o desconto correspondente do seu salario do concelleiro de Obras e a alcaldesa na mesma contía. O acordo sobre os Plenos xa foi consensuado previamente por toda a Corporación local.
Bolsa de emprego
Tamén se está estudando a posibilidade de incorporar crédito para unha bolsa de emprego que permita a contratación de persoas que perderan o seu traballo.
O Goberno local vén de solicitar os permisos pertinentes para que a Xunta de Galicia autorice estas operacións. A alcaldesa, Lola Castro, avanza que “empregaremos todos os recursos ao noso alcance para poder investir os aforros do Concello nos veciños e veciñas agora que é cando máis o precisan”.
