AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR

publicado en: Novas | 0

O Concello de Folgoso do Courel convoca axudas para material escolar para familias con fillos en educación infantil, primaria e secundaria

► O orzamento municipal para este 2020 contempla aplicacións orzamentarias de 1.100 euros para cada convocatoria; aínda que as contías previstas se poderían incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo á dispoñibilidade de crédito

► O prazo para a presentación das solicitudes no Rexistro Xeral do Concello empezará despois do verán e rematará o 15 de novembro

Folgoso do Courel, 20 de maio de 2020.- O Concello de Folgoso do Courel convoca axudas para a adquisición de material escolar dirixidas ás familias empadroadas e con residencia efectiva no municipio que teñan fillos ou fillas matriculadas no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Primaria e Secundaria do CPI Poeta Uxío Novoneyra durante o vindeiro curso 2020/2021.

O orzamento municipal para este 2020 aprobado de forma definitiva o 9 de maio contempla aplicacións orzamentarias que ascenden a un total de 1.100 euros para as axudas ao alumnado de Educación Infantil e outros 1.100 euros para o alumnado de Primaria ou Secundaria. Con todo, as contías previstas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.

As solicitudes poderán realizarse no Rexistro Xeral do Concello en horario de nove da mañá a dúas do mediodía cumprimentando o modelo oficial subscrito acompañado da documentación requirida: fotocopia do libro de familia, fotocopia do DNI de tódolos membros da unidade familiar maiores de idade e certificado do centro que acredite os estudos cursados, declaración responsable de estar ao corrente das distintas obrigas tributarias, datos bancarios e facturas xustificativas da compra do material nas que figure o nome do solicitante e do neno ou nena beneficiaria.

As persoas solicitantes de axudas dirixidas a sufragar os gastos de material escolar do alumnado de Primeira e Secundaria, deberán achegar tamén unha declaración sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para a mesma actuación. Abrirase o prazo de solicitude despois do verán (informaremos coa data) e rematará o 15 de novembro. Se alguén compra xa material o Concello recomenda gardar as facturas.

Notificación

As axudas concedidas notificaranse individualmente no prazo máximo de tres meses a contar dende a finalización do prazo de presentación de solicitudes e, en todo caso, antes do 31 de decembro de 2020.

Máis axudas

Ademais, o Goberno local establece neste Orzamento varias subvencións nominativas que destinan 500 euros a actividades complementarias e extra escolares do CPI Uxío Novoneyra e 2.500 euros para as actividades da Asociación de Pais e Nais de Alumnos.

Estas axudas veranse complementadas con subvencións de apoio á natalidade e con axudas ao transporte destinadas a sufragar os gastos de desprazamento daqueles alumnos/as do Concello que estudan fóra do termo municipal (Bacharelato, FP ou universidade).