O CONCELLO LANZA UNHA WEB RENOVADA

publicado en: Novas | 0

O Concello de Folgoso do Courel lanza unha web completamente renovada e impulsa as súas redes sociais

www.folgosodocourel.com Nace como un espazo no que os nosos veciños e veciñas atopen resposta ás súas inquedanzas en relación coa xestión municipal

► Preténdese ademais que sexa un escaparate aberto ao mundo no que poder atopar todo o que o Concello de Folgoso do Courel ten que ofrecer

Folgoso do Courel, 29 de maio de 2020.- O Concello de Folgoso do Courel vén de lanzar unha web completamente renovada na que poder atopar toda a información sobre a localidade (www.folgosodocourel.com), ao tempo que impulsa as redes sociais do Concello, o Facebook e o Instagram.

A alcaldesa, Lola Castro, explica que “queremos aproveitar todas as potencialidades ao noso alcance para serlles útiles aos nosos veciños e veciñas e tamén a todos aqueles que nos visitaron ou teñen previsto facelo”.

“É por iso que lanzamos esta páxina web completamente renovada que pretende ser un espazo no que os nosos veciños e veciñas atopen resposta ás súas inquedanzas en relación coa xestión municipal. Unha canle en constante actualización a través da cal manterse informados e na que poder levar a cabo trámites que faciliten a súa relación coa administración local”.

Tamén se pretenden que sexa un escaparate aberto ao mundo no que poder atopar todo o que o Concello de Folgoso do Courel ten que ofrecer.

Na páxina www.folgosodocourel.com pódense atopar numerosos recursos multimedia, información completa sobre a Corporación, as parroquias, os puntos de interese ou as rutas a través dun menú intuitivo e fácil de usar.

Melloras da nova páxina

Con respecto á páxina anterior, modificouse o deseño facéndoa adaptable en estrutura e contidos ao tamaño de pantalla do usuario en función dos dispositivo desde o que acceda.

Incorporouse a sede electrónica ao menú principal para facilitar os trámites e a información aos cidadáns, sobre todos nestes momentos nos que se fomentan os trámites en liña.

Na parte dedicada ao turismo actualizouse o contido e incorporouse abundante información , fotos e vídeos dos recursos dos que dispón o Concello.

As rutas de sendeirismo permiten a descarga para GPS ou a guía en PDF ao tempo que se incorporou un enlace á páxina Xeoparque Montañas do Courel.

No apartado de contactos modificouse o enderezo de correo electrónico xenérico do Concello, que pasa a ser info@folgosodocourel.com, e tamén se crearon contas específicas por departamentos.

Impulso ás redes sociais

Ao mesmo tempo, desde o Goberno local decidiuse tamén impulsar as redes sociais coas que conta o Concello, o perfil de Facebook (Concello de Folgoso do Courel-Turismo) e o de Instagram (folgosodocourelconcello) como ferramentas a través das que ofrecer un servizo aos veciños e veciñas e como unha fiestra aberta do Courel, con publicacións informativas de interese sobre axudas ou avisos e tamén contido sobre o patrimonio, a cultura, a gastronomía ou os recursos turísticos do Concello.