PRESTACIÓNS ECONÓMICAS MUNICIPAIS DE EMERXENCIA OU URXENTE NECESIDADE

publicado en: Novas | 0

BASES REGULADORAS DE ACCESO ÁS PRESTACIÓNS ECONÓMICAS MUNICIPAIS DE EMERXENCIA OU URXENTE NECESIDADE 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Segundo a  Lei  13/2008 de 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia, no seu artigo 11.c, di que unha das funcións dos Servizos Sociais Comunitarios é a identificación de grupos de poboación vulnerables e a detección precoz de situacións de risco para o desenvolvemento de actuacións de carácter preventivo e de promoción social. 

O Decreto 99/2012 de 16 de marzo polo que se regulan os Servizos Sociais Comunitarios e o seu financiamento, contempla no seu artigo 9.d  como Programa Básico de Servizos Sociais o “Programa de Inserción Social que  procure valorar, dar resposta ou derivar ao recurso idóneo as persoas en situación ou risco de exclusión social, aplicando tanto proxectos de intervención social, personalizados ou de grupo, como prestacións económicas específicas. Inclúense nesta categoría os proxectos expresamente dirixidos ao desenvolvemento, promoción e integración da comunidade xitana e outras minorías étnicas”.

Este mesmo Decreto 99/2012 tamén di  no  artigo 23.b  que os servizos sociais comunitarios participarán, de acordo coa normativa de aplicación, no procedemento de asignación das prestacións económicas de inclusión social referidas no número 1 do artigo 18 da Lei 13/2008, de Servizos Sociais de Galicia, orientadas a satisfacer necesidades pecuniarias básicas e a estimular a incorporación social e laboral. De maneira particular analizarán o perfil sociolaboral de cada caso e expedirán os informes e propostas de derivación e idoneidade do recurso que se establezan no procedemento.  

Considérase preciso regular unha serie de axudas económicas para paliar situacións carenciais e urxentes que complementarán as das outras administracións públicas, tamén competentes nesta materia, tentando con elo mellorar a inmediatez nas respostas das necesidades presentadas e a adaptación eficaz ante as novas demandas dunha problemática social cada vez mais cambiante. 

A proximidade da administración local coa cidadanía obriga aos Servizos Sociais Comunitarios a detectar estes cambios para cubrir as necesidades básicas existentes e previr riscos de exclusión social. 

O Concello de Folgoso considera preciso a elaboración destas bases para regular as axudas que a continuación se definen, especialmente nun momento como o actual de crise sanitaria, económica e social.

CAPÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Obxecto.

É obxecto destas bases é o regulamento dun conxunto de prestacións económicas dirixidas a paliar  situacións carenciais graves que afecten ás necesidades básicas e/ou extraordinarias das persoas residentes e empadroadas no Concello de Folgoso do Courel

Artigo 2.- Definición 

1.- As axudas de emerxencia municipal son prestacións non periódicas, de natureza económica, destinadas a aquelas persoas, integradas nunha unidade de convivencia cuxos recursos resultan insuficientes para facer fronte aos gastos específicos, de carácter ordinario ou extraordinario, necesarios para previr, evitar ou paliar situacións de exclusión social. 

Artigo 3.- Características.

1. Estas axudas teñen carácter finalista polo que se destinarán exclusivamente á finalidade para a que foron concedidas.

2. Teñen a consideración de subvención directa.

3. Son transitorias e non periódicas.

4. A concesión anual destas prestacións está suxeita á existencia de crédito orzamentario municipal destinado a este fin.

5. Terán ademais un límite de crédito anual por persoa ou unidade de convivencia solicitante.

Artigo 4.- Persoas beneficiarias.

1. Terán a consideración de persoas beneficiarias aquelas persoas ou unidades familiares que se atopen nunha situación de precariedade económica tal que dificulte ou imposibilite a cobertura dalgunha das súas necesidades básicas que cómpre cubrir de xeito urxente e/ou en todo caso no menor tempo posible.

2. Considérase unidade de convivencia a todas aquelas persoas que convivan nun mesmo domicilio e que manteñan lazos vinculantes de relación familiar. Non poderán ser beneficiarias de ningunha das prestacións aquí reguladas dúas persoas da mesma unidade de convivencia ao longo do mesmo exercicio económico.

3. No caso de que convivan mais dunha unidade de convivencia no mesmo fogar será o/a traballador/a social de referencia  quen estableza no seu informe social que persoas, das empadroadas ou residentes no domicilio, teñen a consideración de unidade de convivencia independente.

4. Non poderán ser beneficiarios destas axudas unha persoa individual nin, no seu caso, calquera dos membros da súa unidade convivencial cando:

a) Foran propietarios ou usufrutuarios de bens mobles ou inmobles con características, valoración, posibilidade de venda ou calquera outro xeito de explotación que indiquen, de xeito notorio e fundamentado no informe social do/a traballador/a  social, a existencia de medios materiais suficientes para atender os gastos obxecto de cobertura desta ordenanza. O informe social tras o análise dos signos externos expostos nos parágrafos anteriores, terá presunción de certeza salvo proba en contrario, e nel constarán de xeito detallado as consideracións nas que se fundamenta a súa valoración. Queda excluída do establecido no parágrafo anterior, a vivenda habitual que constitúa o fogar de convivencia e non teña carácter suntuario.

b) As persoas que teñan familiares obrigados a prestar alimentos, en virtude do previsto no Título VI do Libro I do Código Civil: conxugue , pais, fillos/as por consanguinidade ou uterinos e irmáns.

Non obstante, considérase que non teñen obriga de prestar alimentos:

a) Os parentes que, en atención ás circunstancias socioeconómicas concorrentes, non poidan facer fronte ou atender ás necesidades da unidade familiar solicitante sen desatender as súas propias ou as dos familiares ao seu cargo.

b) Cando non exista relación cos mesmos ou de existir que está sexa conflitiva.

Artigo 5.- Requisitos xerais.

Os requisitos xerais para ter dereito ás axudas establecidas nesta ordenanza son os seguintes: 

1. Ter residencia efectiva e estar de alta no Padrón municipal do Concello de Folgoso do Courel cunha antigüidade mínima de tres meses. 

Exceptúanse da obriga de antigüidade no empadroamento os seguintes casos:

a) As vítimas de violencia doméstica ou de xénero con esta situación debidamente acreditada que muden o seu domicilio por esta razón.

b) Persoas en situación de necesidade extrema sobrevida con valoración e informe social do/a traballador/a  social dos Servizos Sociais municipais.

c) Persoas estranxeiras refuxiados ou con solicitude de asilo en trámite, sempre que teñan autorizada a súa estancia por razóns humanitarias e que cumpran o resto dos requisitos para solicitar estas axudas.

2. Acreditar a situación de necesidade mediante a presentación da documentación que se sinala no artigo 18 desta  ordenanza ou a que sexa considerada necesaria polos Servizos Sociais municipais. 

3. Como regra xeral, para acceder a concesión destas axudas os ingresos non poderán superar os límites establecidos  na seguinte táboa:  

UNIDADE FAMILIAR LIMITE DE INGRESOS
1 Ate o 75% do IPREM
1º convivente adicional O 14 % do IPREM
2º convivente adicional O 12 % do IPREM
3º ou sucesivos/as conviventes adicionais O 10 % do IPREM

Excepcionalmente, e coa valoración favorable do/a traballador/a social, en caso de especial vulnerabilidade social poderase conceder a axuda aínda superando o límite económico establecido. 

4. Todos os membros da unidade de convivencia que se atopen en idade legal de traballar, deben estar inscritos como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego, excepto aqueles que acrediten estar matriculados nun centro educativo regulamentado.

5. No caso de ser valorado polo/a traballador/a social  a persoa beneficiaria e os integrantes da unidade familiar asinarán un proxecto de intervención familiar co  fin de evitar a exclusión social  favorecendo a inserción socio – laboral.

6. Queda exceptuado como requisito establecido pola Lei xeral de subvencións 38/2003 e pola Lei de subvencións de Galicia 9/2007 a acreditación polo suxeito proposto como beneficiario de estar ao corrente da súas obrigacións tributarias e fronte a Seguridade social.

Artigo 6.-Determinación de ingresos.

1) Para a determinación dos ingresos da persoa e ou da unidade de convivencia, terase en conta o seguinte:

a. Ingresos de traballo por conta allea: salarios, pensións, subsidios de carácter periódico.

b. Ingresos de traballo por conta propia .

c. Ingresos procedentes de capital mobiliario e inmobiliario (valores mobiliarios e activos financeiros en xeral, tanto de renda variable como fixa, así como os obtidos pola titularidade de todo tipo de contas en institucións financeiras.

No capital inmobiliario computáranse particularmente os rendementos obtidos por alugamentos, traspasos ou cesións, tanto de bens rústicos como urbanos.

d. Outros ingresos que puideran existir non incluídos nos apartados anteriores.

2) Son gastos deducibles: 

a. Os gastos realizados con ocasión de enfermidade grave sempre que se xustifique que foron aboados por membros da unidade de convivencia e non foron nin serán reembolsados posteriormente por parte de entidades públicas ou mutualidades. Deduciranse na súa totalidade do cómputo xeral.

Artigo 7.- Criterios de prioridade na concesión.

Logo da comprobación da súa manifesta necesidade, e en igualdade de condicións fronte a situacións de escaseza de crédito orzamentario, utilizaranse os seguintes criterios na priorización da concesión:

1. As familias con menores ou persoas con discapacidade e /ou dependencia recoñecida ao seu cargo terán prioridade.

2. As situacións sociofamiliares nas que a concesión da prestación solicitada resolva definitivamente a necesidade presentada, sempre que non exista outra axuda pública que poda acadar o mesmo resultado.

Artigo 8.- Importe máximo das axudas.

En ningún caso a cantidade percibida nun ano pola unidade familiar beneficiaria das axudas comprendidas neste regulamento, poderá superar na súa totalidade en dúas veces o IPREM mensual vixente.

CAPÍTULO II

TIPOS DE NECESIDADES  E CONTIAS DAS AXUDAS.

Artigo 9.- Tipos de necesidades.

Os tipos de necesidades ás que se poderán destinar as axudas previstas, así como os criterios a ter en conta para determinar a contía da axuda económica a conceder que, en ningún caso superará o límite que establece o artigo 8 deste regulamento, son as seguintes:

1. Gastos derivados das necesidades básicas da vivenda habitual, tales como: alugamento, hipoteca ou recibos de subministración, ou reparacións básicas urxentes da vivenda .

2. Gastos de aloxamento alternativo temporal

3. Gastos de alimentación

4. Gastos de menciñas  e outros produtos de carácter sanitario que non teñan cubertos polo Sistema Público de Saúde

5. Calquera outro gasto que non estando recollido nos apartados anteriores que o/a traballador/a social  considere, motivándoo no seu informe, que resulta imprescindible para a atención inmediata dunha situación carencial urxente de cara a cubrir e garantir uns mínimos de subsistencia persoal, ou ben necesaria para o éxito do proxecto. 

Artigo 10.- Axudas para necesidades básicas da vivenda.

Enténdese por necesidades básicas da vivenda, o mantemento da vivenda habitual, que comprende axudas para o pago de alugamento, pagamento de fianza ou primeira mensualidade, hipoteca e os recibos de subministración de auga, luz, gas así como reparacións urxentes da vivenda que impidan a habitabilidade da mesma ou adaptación funcional do fogar. A persoa solicitante dunha axuda para reparacións urxentes da vivenda que impidan a habitabilidade da mesma ten que ser propietario da vivenda para a que solicita a axuda. Neste concepto incluiranse unicamente as necesidades de adaptación mínima que afecten á estrutura da vivenda, así como á instalación de servizos hixiénicos sanitarios, ou adaptacións funcionais do fogar debidamente acreditadas a súa necesidade e urxencia.

Artigo 11.- Gastos de  aloxamento alternativo temporal 

Cobertura de gastos de aloxamento temporal ante emerxencias ou sinistros como incendios, desafiuzamentos, ruína ou por situacións de problemática convivencial , de saúde ou de risco social.

Artigo 12.- Gastos de alimentación, hixiene persoal e do fogar e vestido.

Cobertura de alimentación, vestido,  hixiene persoal e do fogar e enxoval  de primeira necesidade.

Artigo 13 – Gastos de menciñas  e outros produtos de carácter sanitario que non teñan cubertos polo Sistema Público de Saúde. 

Nos casos de medicación, as familias que teñan en trámite a tarxeta sanitaria ou carezan dela poderá aboárselles a totalidade do importe da receita ata que se solucione a situación. Os gastos a cubrir terán que ser debidamente xustificados e motivados por informes profesionais.

CAPÍTULO III

PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN

Artigo 16- Solicitude

1. O procedemento iniciarase, en todo caso, por solicitude da persoa interesada.

2. A solicitude, dirixida ao/á alcalde/sa – presidente/a da Corporación, formularase en modelo normalizado e deberá presentarse no Rexistro xeral do Concello, ou conforme ao disposto no art.16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas. http://folgosodocourel.com/descarga/FORMULARIO-SOLICITUDE-EMERXENCIA.pdf

3. Poderán realizar esta solicitude as persoas físicas que reúnan os requisitos xerais contemplados no Capítulo I destas bases.

4. A solicitude, debidamente cumprimentada, deberá ser asinada pola persoa solicitante ou, no seu caso, polo seu representante legal ou gardador de feito.

5. Xunto coa solicitude achegarse a documentación acreditativa á que se fai referencia no artigo seguinte que acredite os requisitos específicos de cada unha das axudas contempladas neste regulamento e aporte datos suficientes para a valoración da situación socioeconómica da unidade de convivencia.

6. A persoa interesada asinará autorización e consentimento para obter os documentos que obren na Administración, así coma a información adicional que se considere necesaria para completar o expediente, dirixíndose aos órganos públicos ou privados competentes, ou a través dos medios previstos na Lei 39/2015.

Artigo 17- Documentación.

Documentación acreditativa dos requisitos a aportar pola persoa solicitante xunto a solicitude

1. DNI, permiso de residencia ou pasaporte da persoa solicitante e, no seu caso, de todos os membros da unidade familiar.

2. Certificado de convivencia.

3. Libro de Familia ou documento análogo, no suposto de non telo, que acredite o requisito esixido para optar á axuda que se solicite.

4. Declaración xurada da situación de familiares obrigados a prestar alimentos (pais, fillos e irmáns).

5. Documentación xustificativa da situación de emprego e económica de todos os membros en idade laboral. 

6. Se están en situación de desemprego e non acreditan documentalmente unha situación das contempladas como excepción a este punto neste regulamento: Tarxeta de demanda de emprego

7. Certificado do Servizo Público de Emprego no que se recolla se percibe ou non prestación ou subsidio de desemprego e a súa contía.

8. Se realizan algunha actividade laboral sen asegurar, deberá achegar unha declaración responsable dos ingresos que perciben mensualmente por esta actividade.

9. Se están ou estiveron en activo nos últimos seis meses, deberá presentar as nóminas xustificativas dos ingresos percibidos nese período.

10. Copia, se a teñen feita, da declaración do IRPF do último exercicio ou certificación negativa da Axencia Tributaria de non estaren obrigados a presentala das persoas que integran a unidade familiar.

11. Certificado expedido polo órgano competente da seguridade social que corresponda, sobre percepción ou non, de pensión e a súa contía.

12. Extracto de movementos de todas as contas bancarias das que sexan titulares calquera das persoas que integran a unidade familiar que inclúan os doce meses anteriores á formulación da solicitude.

13. Documentación acreditativa da titularidade de vehículos das persoas que integran a unidade familiar. 

14. Certificado catastral telemático da persoa solicitante e das persoas que integran a unidade familiar.

15. Certificación bancaria acreditativa dos depósitos en conta corrente ou de aforro que xustifiquen o rendemento de capital mobiliario que teñan de todas as contas bancarias das persoas que integran a unidade familiar. 

16. Informe emitido polo/a facultativo/a do Servizo Galego de Saúde nos casos nos que se solicite unha axuda de inclusión social que teña que ver coa saúde da persoa solicitante ou coa persoa menor de idade ao seu cargo

17. Orzamento dos gastos para os que se solicita a axuda.

A documentación que este en poder do Concello se incorporará de oficio ó expediente.

Artigo .18- Resolución e mellora da solicitude:

1. Unha vez rexistrada a solicitude, o/a traballador/a social a procederá a revisar a documentación recibida. Se a solicitude non reúne todos os datos e documentos aludidos anteriormente, requirirase á persoa interesada para que, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, no prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se non o fai, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto, nos termos que se establecen no artigo 21 da precitada lei.

2. O órgano competente poderá recabar da persoa solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos daquela.

Artigo 19- Instrución.

1. A instrución do expediente corresponderá ó/á traballador/a social responsable, que poderá recabar a documentación complementaria das persoas solicitantes así como a comprobación de datos ou aclaracións de dúbidas da documentación que obra no expediente, sempre que o considere oportuno para a correcta instrución do procedemento.

2. O expediente incorporará o informe social no que se recollan as circunstancias socio-familiares e económicas da unidade familiar, a situación de necesidade ou calquera outro dato que se considere de interese. O informe recollerá todos os extremos indicados, sen prexuízo de engadir aqueles extremos da valoración que a xuízo da informante se consideren pertinentes.

3. Unha vez que remate a tramitación do procedemento o/a traballador/a social formulará proposta de resolución que se elevará ao órgano competente para resolver.

4. En calquera momento do período temporal para a que foi concedida a axuda o órgano competente poderá proceder a revisión e modificación da concesión da mesma, despois da solicitude documental oportuna sempre que teña indicios de cambio na situación socio económica familiar que poida afectar a resolución emitida.

Artigo 20.-Causas de denegación ou extinción da axuda.

1. Son causas de denegación da solicitude de axuda:

a) Non reunir os requisitos esixidos nesta ordenanza.

b) Ter familiares obrigados a prestar alimentos, en virtude do previsto no Título I do Código Civil.

c) Non ter cumpridas outras obrigas derivadas de calquera programa ou prestación da Área de Benestar Social, con indicación expresa da mesma, tendo presunción de certeza o expresado polos técnicos sociais informantes no procedemento salvo proba en contrario. 

d) Cese das causas que motivaron a solicitude.

e) Calquera outra que non estando recollida nos apartados anteriores o/a traballador/a social considere, motivándoo no seu informe.

2. Son causas de extinción da axuda:

a) Falecemento

b) Perda dalgún requisito

c) Cambio de residencia

d) Incumprimento de obrigas.

e) Ocultamento ou falseamento de datos

Artigo -.21 Resolución e notificación.

 1. O/A Alcalde/sa  é o órgano competente para resolver sobre as solicitudes presentadas que, á vista dos informes e propostas emitidos, ditará resolución motivada, incluíndo os contidos do artigo 88 da Lei 39/2015.

2. A resolución conterá expresión concreta sobre á forma de pago e expresión de condicións a cumprir, no seu caso.

3. O prazo máximo para resolver e notificar á persoa interesada, será de tres  meses, desde a data en que a solicitude se rexistrara de entrada no Concello. Non tendo ditada resolución expresa no prazo indicado, a solicitude entenderase desestimada.

Artigo -22- Procedemento abreviado.

Contemplarase a posibilidade dun procedemento administrativo abreviado para casos excepcionais que precisen unha resposta inmediata.

CAPÍTULO IV

PAGAMENTO DA SUBVENCIÓN E OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS.

Artigo .- 23- Aboamento da axuda económica.

A Intervención municipal axilizará ao máximo os procedementos necesarios para o aboamento destas axudas de emerxencia. O /a traballador/a social dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello, con fundamento en casos particulares e debidamente razoados, poderá propoñer alternativas de pago que constarán no seu informe.

Como norma xeral, sempre que sexa posible, o Concello aboará directamente o pago das axudas ós provedores.

Artigo.- 24- Obrigas das persoas beneficiarias das axudas.

Constitúen obrigas das persoas beneficiarias destas axudas as seguintes:

1. Destinar as cantidades recibidas á finalidade para que foron solicitadas, debendo presentar, no seu caso, no prazo máximo de tres meses, xustificante ou factura de ter realizado o pago para o que fora concedida a axuda polo importe total da mesma.

2. Comunicar aos Servizos Sociais Comunitarios do Concello, no prazo de 10  días, as variacións substanciais que se dean na súa situación laboral, económica, composición familiar e calquera outra que poida supoñer un cambio na valoración inicial que deu lugar á concesión da axuda.

3. Facilitar o seguimento da súa situación ao persoal técnico dos Servizos Sociais Comunitarios  do Concello. 

4. As persoas beneficiarias de axudas ou, no seu caso, os seus representantes legais, deberán proceder ao reintegro das axudas concedidas en caso de incumprimento das obrigas que se establecen neste artigo.

Artigo.- 25 – Reintegro e Réxime Sancionador.

A falsidade ou ocultación de datos ou documentos achegados polas persoas beneficiarias da axuda, así como a non xustificación total ou parcial da mesma, ou destinada a un fin distinto para a que foi concedida, implicará o impedimento de solicitar unha nova axuda por un período dun ano, ou coas normas de aplicación baseadas na Lei 38/2003 de 17 de novembro, Xeneral de subvencións e na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que a persoa beneficiaria non teña xustificado o bo uso da axuda dará lugar à obriga de reintegrar a cantidade non xustificada o concello deberá tomar as medidas necesarias  e principalmente, denegar calquera outra subvención.