CINE NA RÚA O 22 DE AGOSTO EN FOLGOSO

publicado en: Novas | 0

O Concello de Folgoso do Courel leva o Cine á Rúa este verán coa proxección ao aire libre do filme galego ‘O que arde’, protagonizado por Benedicta Sánchez. A sesión terá lugar o sábado día 22 de agosto na Praza do Concello da localidade. A apertura de portas será ás 21:00 horas. A película será presentada polo seu director, Oliver Laxe ás 21:45 horas e dará comezo ás 22:00 horas. Ao remate da proxección haberá unha charla coloquio co seu director.

O que arde

O que arde é unha película de 2019 dirixida por Óliver Laxe e coescrita por Laxe e Santiago Fillol. Desenvólvese nunha zona rural de Galicia e aborda o problema da desaparición do medio rural por mor dos incendios forestais. O reparto está formado por actores non profesionais da serra de Ancares, e está protagonizada por Amador Arias no papel de Amador Coro, un pirómano que sae de prisión despois de ser condenado como responsable dun incendio, e Benedicta Sánchez no papel de  Benedicta, a súa nai, interpretación que a faría gañadora do premio Goya á mellor actriz revelación.

É a película máis vista en galego, con máis de 62.500 espectadores nos cinemas despois do seu lanzamento.

Cine Na Rúa Cine na rúa (www.cinenarua.com) nace como proxecto para promover a e difundir o cinema feito en Galicia. Comezaron pola proxección de curtas para seguir despois polas longametraxes e a produción de eventos en múltiples cidades, espazos e recunchos, sen perder a orixe.