Ruta homologada no ano 2017 pola Federación Galega de Montañismo.

Partindo da aula da natureza, comezaremos ascendendo en dirección a Moreda. Nesta aldea poderemos contemplar exemplos de construcións típicas da comarca. Continuaremos ascendendo por unha das ladeiras que conforman o val e pasaremos por diante dunha serie de antigas cabanas, coñecidas como Moreda Maior. Máis adiante pasaremos por un saínte da montaña que penetra no val e permítenos gozar dunha magnífica panorámica.
A partir de aquí introducirémonos de cheo na Devesa da Rogueira, considerada como un dos mellores bosques galegos. Nela están presentes boa parte das especies de árbores, arbustos e flores de Galicia. Na parte alta da Devesa da Rogueira atoparemos as Fontes do Cervo, e poderemos ascender ata o miradoiro de pico Polín, que ofrece unhas vistas impresionantes de todo o Courel.
De regreso, volveremos á Devesa para descender próximos ao Rego da Rogueira ata o noso punto de partida na aula da natureza.

Servizos:

Na aldea de Moreda existen aloxamentos de turismo rural así coma fontes de auga potable. Tamén existe un aula da natureza onde obter información acerca do entorno que imos a visitar.

Percorrido:

Moreda, Ruinas da Moreda Maior, Fontes do Cervo, Miradoiro do Pico Polín, Aula da Natureza.

M.I.D.E.: Medio: 2 / Itinerario: 2 / Desplazamiento: 2 / Esfuerzo: 3

Mide é un sistema de comunicación entre excursionistas para valorar e expresar as exixencias técnicas e físicas dos percorridos. O seu obxectivo é as apreciación sobre as dificultades das excursións para permitir a cada practicante unha mellor elección. Para máis información visite esta páxina

Recomendacións:

Esta ruta é recomendable realizala en sentido horario, en dirección a Moreda Maior, xa que desta forma salvarase a maior parte do desnivel positivo na primeira metade do percorrido. Aproveitade a ruta para tentar recoñecer a gran variedade de especies presentes nesta xoia botánica galega. Tamén debemos ter o máximo respecto e coidado con este fráxil entorno natural.