Ruta homologada no ano 2017 pola Federación Galega de Montañismo

A ruta parte da poboación de Baldomir e durante o primeiro tramo atravésanse as poboacións da Pendella e O Touzón. Unha vez se chega á Ponte de Sudrios e se cruza o río Lóuzara, atopámonos a bifurcación da que parten os dous camiños que se poden empregar, sendo recomendable optar polo camiño da esquerda para a ida e volver posteriormente polo da dereita.
A partir deste punto o camiño comeza a ascender pola ladeira dereita do río Lor e poderemos desfrutar dunhas boas vistas panorámicas do profundo val. Seguiremos por este camiño ata chegar a aldea de Sobredo. Máis adiante atópase o Castro da Torre, recentemente escavado e un bo exemplo da influencia romana.
Deixado atrás o Castro da Torre o camiño descende ata o leito do río Lor, e segue o seu curso pasando por debaixo de Folgoso. Finalmente voltaremos ó tramo inicial do sendeiro para regresar a Baldomir.

Servizos:

É posible atopar un bar na aldea de Baldomir así como unha fonte na poboación de Sobredo. Na vila de Folgoso do Courel é posible atopar aloxamentos, restaurantes e outros servizos.

Percorrido:

Baldomir, Pendella, O Touzón, Sobredo, Folgoso do Courel, Baldormir.

M.I.D.E. : Medio: 1 / Itinerario: 2 / Desprazamento: 2 / Esforzo: 3

Mide é un sistema de comunicación entre excursionistas para valorar e expresar as exixencias técnicas e físicas dos percorridos. O seu obxectivo é as apreciación sobre as dificultades das excursións para permitir a cada practicante unha mellor elección. Para máis información visite esta páxina

Recomendacións:

Esta ruta é recomendable realizala en sentido horario, comezando polo sendeiro que se atopa ao oeste deixando así os desniveis negativos para o final da ruta. Recoméndase ascender ata o Castro da Torre e desfrutar das vistas panorámicas que nos ofrece.