AXUDAS PARA O FOMENTO DA PLANTACIÓN DE CASTIÑEIROS E A RECUPERACIÓN DE SOUTOS

publicado en: Novas | 0

A Xunta convoca as axudas para o fomento de plantación de castiñeiros e recuperación de soutos tradicionais que se convoca para este ano 2023. O orzamento total para esta convocatoria é de 3.586.748 euros, financiados cos fondos europeos NextGenerationEU, que se repartirán entre os anos 2023 e 2024 e se distribuirán en dúas liñas de actuación. O prazo para presentar solicitudes é de 45 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG. (3 de febreiro do 2023).

A primeira liña refírese ao fomento de plantación de castiñeiro para froito, atendendo tanto ao relativo aos gastos de plantación forestal, como ao tratamento da vexetación preexistente. Mentres tanto, a segunda liña destinarase a todo aquilo relacionado á rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, ademais de ás actuacións silvícolas ou as rozas. Ambas liñas inclúen tamén as infraestruturas de acompañamento, obras complementarias ou os honorarios de redacción do proxecto técnico.

Poderán ser beneficiarias destas achegas as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores dos montes ou terreos forestais e/ou dos seus aproveitamentos. Asemade poderán beneficiarse as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as Sociedades de fomento forestal (Sofor). Así mesmo, as persoas e colectivos titulares dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, e das comunidades de montes veciñais en man común.

Toda a información neste enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230203/AnuncioG0426-301222-0009_gl.html