Ruta homologada no ano 2017 pola Federación Galega de Montañismo

Esta ruta parte da aldea de Moreda, e comezaremos o noso percorrido por un camiño que vai pola ladeira sur do Monte Cido e que gaña altitude a medida que avanza. Este sendeiro ofrécenos unhas boas vistas panorámicas sobre o val do Rego da Barxa e dos picos de Pinzas e Polín, así como da Devesa da Rogueira. A case dous quilómetros dende o inicio, cruzaremos a crista que divide o Monte Cido, e pasaremos a súa ladeira norte.
Dende aquí comezaremos a descender por un camiño en zigzag ata chegar ao fondo do val, onde cruzaremos o Carrozo de Muiñelo. Este punto marca o fin do descenso e continuaremos o camiño pasando por soutos de castiñeiros e polas aldeas de Esperante, O Carbedo e Linariños. Máis adiante pasaremos de novo a un terreo máis despexado e poderemos ver as ruínas do Castelo de Carbedo.
Dende aquí só resta ascender ao carón do Carrozo de Muiñelo uns centos de metros máis para volver a cruzar á ladeira norte de Monte Cido e descender de novo ata Moreda.

Servizos:

Na aldea de Moreda atópanse aloxamentos de turismo rural. Tamén é posible atopar fontes de auga potable en Moreda e en Esperante

Percorrido:

Aldea de Moreda, Esperante, Carbedo, Castelo de Carbedo

M.I.D.E.: Medio: 1 / Itinerario: 2 / Desprazamento: 2 / Esforzo: 3

Mide é un sistema de comunicación entre excursionistas para valorar e expresar as exixencias técnicas e físicas dos percorridos. O seu obxectivo é as apreciación sobre as dificultades das excursións para permitir a cada practicante unha mellor elección. Para máis información visite esta páxina

Recomendacións:

Esta ruta é recomendable facela comezando pola ladeira sur da Serra das Travesas, xa que o desnivel positivo será máis levadío desta forma. Na crista do Monte Cido existen varios restos arqueolóxicos sen escavar pero que se atopan sinalizados, e que nos permiten ver unhas boas panorámicas a ambos lados do monte. É posible visitar as ruínas do Castelo de Carbedo e contemplar os vales da zona.